Homilía de D. Julián Barrio na ofrenda do Antigo Reino de Galicia ó Santísimo Sacramento

Publicado por Comunicación Pastoral de la Diócesis El 03 julio 2014 0 comentarios

“Cantade a Deus, tocade na súa honra. Alfombrade o camiño que avanza polo deserto; o seu nome é o Señor. Alegrádevos na súa presenza”. Con gozo toda a Igrexa que peregrina en Galicia mira hoxe devotamente a esta Catedral na que a nosa oración faise loanza, adoración, gratitude e súplica a Xesús Sacramentado coma ofrenda desta comunidade galega presentada polo Excmo. Sr. Oferente, Alcalde de A Coruña. Este é o misterio da nosa fe! Con entrañas de misericordia vimos a ofrecer o pan e o viño para que se transformen no corpo e no sangue de Cristo, sentíndonos necesitados da comuñón con El que nos di: “Quen me coma vivirá por min” (Xn 6,57), e sabendo que vivir por El é vivir para os demais, sobre todo os pobres, os que sofren, e os que se atopan marxinados porque onde están estes alí está Deus.

Os israelitas estaban a punto de morrer de fame e sede, e xa non había esperanza de poder obter alimento ningún a non ser que este viñese de Deus. E no deserto, nun sequedal sen gota de auga, Deus envíalles o mana. Tamén xunto ao lago Xesús multiplica os pans para que os que o seguían non desfalecesen. E para saciar a fame definitivamente Deus mesmo fíxose pan, partiuno e deixouse comer.

Xesús di: “A miña carne é verdadeira comida e o meu sangue verdadeira bebida”. Quen non acepte isto non terá vida nel. Esta revelación, mesmo despois de ver o milagre da multiplicación dos pans e os peixes, non a comprenderon algúns dos seus discípulos, que o abandonaron pero o apóstolo Pedro cunha confianza incondicional dirá: “E onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna”, porque non soamente de pan vive o home senón de toda palabra saída da boca do Deus.

A Eucaristía “é o don que Xesús fai de si mesmo, revelándonos o amor infinito para cada  home”[1], un amor “que o home necesita para encontrar sentido á vida, vivila con esperanza”, e impulsar o auténtico progreso de cada persoa, construíndo unha sociedade solidaria e fraterna. O amor é a forza máis revolucionaria para transformar a nosa vida e a realidade do mundo, lonxe da corrupción, do conformismo e de ambigüidades. “Non seriamos discípulos de Xesús, nin a Igrexa podería presentarse como a súa Igrexa, se non recoñecésemos no exercicio e no servizo da caridade a norma suprema da nosa vida”[2].

Os necesitados, materialmente e espiritualmente, que son moitos, feren a sensibilidade humana e cristiá e denuncian o egoísmo e a indiferenza. Cando non se respecta a xustiza e non se vive a caridade, perdemos humanidade. Alimentarnos da Eucaristía é compartir os sentimentos de Cristo, e sentirnos urxidos a aceptarnos e comprendernos, perdoarnos e amarnos. As estruturas da nosa sociedade precisan un tipo de relacións novas, “que teñen a súa fonte inesgotable no don de Deus”[3].

A festa do Corpus é como a voz da conciencia da comunidade cristiá que nos recorda que somos membros do Corpo de Cristo. San Paulo recórdanos: “O pan que partimos non é comuñón no corpo de Cristo? O Pan é un, e así nós aínda que somos moitos, formamos un só Corpo, porque comemos todos do mesmo Pan”. A participación na Eucaristía fainos entrar en comuñón con Cristo e entre nós, preocuparnos os uns dos outros, e comprometernos activamente na edificación da civilización do amor que afronte algunha das múltiples pobrezas do noso mundo como o drama da fame sobre todo dos nenos, a soidade dos anciáns, o desacougo dos parados, o trasfego dos emigrantes. Nesta preocupación recoñecerase a nosa identidade cristiá. “Ao ver os demais cos ollos de Cristo poderemos darlles moito máis que a axuda de cousas materiais, tan necesarias: poderemos ofrecerlles unha mirada de amor que todo home necesita”. A forza da historia encóntrase sempre no home que ama e serve.

“Saír de si mesmo para unirse a outros fai ben”. A humanidade sempre sae perdendo con cada opción egoísta que fagamos. Non nos deixemos roubar o ideal do amor fraterno. Non podemos dar culto a Deus sen velar polo home. Unha relación comprometida con Deus comprométenos ao mesmo tempo cos demais. Na Eucaristía encontramos a raíz de toda a acción caritativa e social e a forza para motivala e sostela na nosa existencia. A nosa vitalidade cristiá depende da Eucaristía e está esencialmente vinculada a ela de tal forma que sen vida eucarística non pode haber senón aparencias de vida cristiá. Cristo Eucaristía é a resposta a todos os que están cansos, sufocados e sedentos de salvación; aos que senten necesidade de xustiza e de liberdade, de fortaleza e de esperanza. A procesión dos crentes xunto ao Santísimo manifesta a nosa existencia de peregrinos cara á casa do Pai, sentindo a presenza viva de Cristo que está connosco ata o fin dos tempos. Iluminados pola palabra e fortalecidos pola Eucaristía, contribuamos a unha liberación positiva da forza da verdade, do ben, da beleza do Evanxeo e da xustiza na cidade, na diocese e no noso mundo. Renovemos a nosa devoción ó Santísimo Sacramento. A carón do Pan e do Viño poño a ofrenda das nosas xentes de Galicia coas súas inquedanzas, esperanzas e súplicas. Pido pola Familia Real, polos nosos gobernantes, polas nosas Dioceses, por Vostede, Señor Oferente, e a súa familia, e polos que están a colaborar con vostede, e por todos os coruñeses para que o Señor Sacramentado lles colme de bendicións. Amén.

[1] Bieito XVI, Sacramentum Caritatis, 1.

[2] CEE, Orientaciones morales ante la situación actual de España. Instrucción pastoral, 23 de novembro de 2006, 78.

[3] Sacramentum Caritatis, 91.

0 comentarios por Homilía de D. Julián Barrio na ofrenda do Antigo Reino de Galicia ó Santísimo Sacramento