Con grande éxito crecente de público,
nesta semana desenvolveuse no novo Salón Parroquial do número 260 da
Avenida de Finisterre un ciclo de conferencias que tratou de maneira
máis intensiva o tema que vimos tratando tódolos segundos mércores de
mes na catequese para adultos da Parroquia.
O luns tivemos á profesora da Facultade
de Arte de Santiago, dona María Dolores Fraga Sampedro, que se centrou
na análise icónica da Capela “Redemptoris Mater” do Vaticano.
O martes tivemos ó doutor en Teoloxía
Moral e experto en bioética, don José Ramón Amor Pan, que se centrou na
ética das virtudes e nas teses do “Evangelum Vitae” aplicados a problemas morais presentes actualmente na nosa sociedade.
O mércores tivemos ó profesor de
Electromagnetismo don Jorge Mira Pérez, coñecido pola xente polas súas
aparicións en varios programas da Galega, catequista en Baio, que falou
da expansión e da dirección do Universo así coma da xénese e polémicas
da teoría do “Big Band”, na que participou un eclesiástico científico.
O xoves tivemos á especialista en música
relixiosa e organista en varias parroquias da cidade (incluída a nosa),
dona Sonia Vázquez González, que detallou os distintos cantos e
instrumentos que hai que empregar segundo as partes da Misa, os Tempos
Litúrxicos e os Sacramentos...
O derradeiro día, venres, a empresa Reni,
a través dos seus técnicos, amosou as igrexas, casas reitorais e
camposantos de referencia en Europa e os seus encargos destes últimos
anos en Galicia.
Agradecémo-la participación do público e
as axudas recibidas para a elaboración e difusión desta Semana intensa
que terá continuidade. As fotos son xentileza moi amable de Sonia
Vázquez e Félix Méndez, que tódolos días informaron a través da internet
do desenvolvemento das conferencias.

Carlos Platas Seixas Graciñas de corazón, no nome da Parroquia, pola publicación desta crónica no blog da Diócese.
Graciñas especialmente a Manuel Blanco, Javier Rodríguez e Inma Tamayo polo seu apoio incondicional desde a Delegación de Medios de Comunicación a esta actividade.
Un saúdo. Carlos.