NOTA dos BISPOS da IGREXA en GALICIA con motivo da ASIGNATURA EDUCACIÓN para a CIDADANÍA

Publicado por Silvia RB El 04 junio 2008 3 comentarios

Os Bispos da Igrexa en Galicia, en vistas do próximo curso escolar, queremos lembrar a todos a doutrina que a Conferencia Episcopal Española emitíu en diversos documentos sobre a asignatura Educación para a Cidadanía (EpC):
1. Existen uns dereitos e deberes, enraizados na natureza creada do ser humano, que fan posible a convivencia en paz e liberdade na nosa sociedade, que se reflicten no texto da nosa Constitución e que deben ser respectados.
2. Entre eles está o dereito dos pais a elexir o tipo de formación moral e relixiosa para os seus fillos, coma recoñece o artigo 27,3 da Constitución Española: “Os poderes políticos garanten o dereito dos pais para que os seus fillos a formación relixiosa e moral que esté dacordo coas súas conviccións morais”.
3. O Estado non pode imponer lexitimamente unha formación moral da conciencia dos alumnos á marxe da libre elección dos pais, tal como se pretende na asignatura EpC e nos Decretos que a desenvolven.
4. De feito a comprensión e a adhesión dos alumnos aos valores fundamentais non se poden alcanzar a través dunha imposición legal por parte do poder político, que ademais non consegue con elo asegurar unha convivencia en paz.
5. Por outra banda, tal como foron reglamentados os seus contidos, EpC impón desde instancias políticas unha concepción do home que contradí o ideario propio das escolas católicas, ideario no que atopa expresión o dereito primordial á liberdade de educación, como defendeu o Tribunal Constitucional.
6. Esperamos, por tanto, que se paralice a implantación de esta asignatura tal como está programada, para respectar mellor os dereitos de todos os pais; e, no seu caso, que se faga posible a súa adaptación en contidos, obxectivos e criterios de evaluación ao ideario dos Centros.
7. Para defender o dereito que lles asiste de determinar a educación moral dos seus fillos, os pais teñen, entre outros medios lexítimos, o da obxeción de conciencia ao ensino da asignatura EpC.
8. As diferentes administracións educativas, así coma todos os centros escolares, deben respectar as decisións dos pais e non interferir no exercicio dos seus dereitos fundamentais, e deben tamén asesorar e acompañar convenientemente a todos aqueles que o soliciten.

+ Xulián Barrio Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela
+ Xosé Diéguez Reboredo, bispo de Tui-Vigo
+ Luis Quinteiro Fiuza, bispo de Ourense
+ Manuel Sánchez Monge, bispo de Mondoñedo-Ferrol
+ Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo
Lugo, 1 de Xuño do 2008

3 comentarios por NOTA dos BISPOS da IGREXA en GALICIA con motivo da ASIGNATURA EDUCACIÓN para a CIDADANÍA

  1. escribió:

    Anónimo Coñezo ben os contidos da EPC e todo o que motivou a súa creación. Son cristián e son profesor e non entendo como se pode meter o episcopado nesta cuestión que lles saltará nas súas mans. Vaiamos por partes:

    A necesidade de ter unha materia de contidos morais obrigatoria en diversos cursos vén obrigada por directrices da UE. É imposible suprimila xa que temos que converxer en educación coa UE. Se houbese cambio de goberno podería tocarse algo na súa distribución en cursos, carga lectiva... etc. Pero pouco máis. A materia seguiría así

    Na elaboración dos contidos desta materia participou a Igrexa dun xeito moi activo: A FERE foi consultada sobre todos os seus contidos e deu a súa aprobación. A FERE é Igrexa, e realmente é especialista en educación.

    Di o texto “O Estado non pode impoñer lexitimamente unha formación moral da conciencia dos alumnos á marxe da libre elección dos pais, tal como se pretende na materia EpC e nos Decretos que a desenvolven”. Pero o Estado é quen garante a lexitimidade de calquera sistema educativo. Repasade o sistema educativo de calquera país e veredes que todos teñen contidos semellantes. É máis, o sistema educativo español vai á cola na carga horaria desta materia. É a materia con menos horas de todo o sistema, infinitas menos que a Relixión.

    Dar liberdade absoluta de educación en valores é estritamente imposible. Imaxinan vostedes educación en valores na poligamia? Podo acollerme a ela se son polígamo... por exemplo. Ou podo acollerme ao valor da incultura? Ou ao valor de non querer aprender o idioma inglés porque a miña ideoloxía antiamericana faime preferir o ruso, por exemplo.

    A adaptación dos contidos de EpC ao ideario dos Centros (e incluso dos profesores) vaise facer de feito, como se fai en tódalas materias. Lembro ao meu “fachilla” de historia ou ao meu nacionalista de lingua galega, ou ao meu amante de Góngora de lingua española. É máis, o meu primeiro contacto co pacifismo militante foi cun profesor de matemáticas. Agora ben, isto nunca poderá ser posto por escrito nunha programación oficial. Daría lugar a un caos. Imaxinen obxectivos pedagóxicos do tipo:
    - Explicar a innegable aportación de Franco á nosa vida (En historia)
    - Priorizar aos autores de ideoloxía nacionalista (galego)
    - Introducir aos alumnos no pacifismo militante (matemáticas)

    Pódese obxectar sobre educación para a cidadanía? Sería un erro. Iso levaría a obxectar sobre un sistema educativo. Gravísismo erro. Os sistemas veñen impostos sempre e dar liberdade aos pais para escoller os modelos educativos é moi grave.

    Por último o que considero un erro lamentable desta pastoral. “EpC impón desde instancias políticas unha concepción do home que contradí o ideario propio das escolas católicas,” Pídolle aos bispos que por favor se informen. Non hai nada, absolutamente nada que diga que haxa que censurar coma católicos nesa materia. Por favor lean ben os libros de texto, afonden nas programacións e verán que están sendo manexados para facer oposición política. Pódolles asegurar, co corazón na man, que unha vez lidos polo miúdo libros de diferentes editoriais punteiras en educación (SM, Anaya, Santillana...), non hai nada que obxectar aos seus contidos. Non se fala do que se di que din. Non hai fomento dos matrimonios homosexuais, non hai desprezo por valores cristiáns. É máis, no libro de Santillana sorprenden páxinas fermosísimas adicadas a Cáritas, Mans Unidas, aos monxes...

    Cando comecei esta opinión dixen que o tema ía saltarlle nas mans ao episcopado... Saben o motivo? Porque cando comece a darse esa materia ninguén vai a atopar ningunha das cousas que se dixeron. Así a CEE perderá credibilidade

    Case coma posdata: Como galego agradezo que o texto estea escrito na nosa lingua. Pero por favor, coiden a gramática. Hai erros imperdoables nun documento destas características.

  1. escribió:

    Anónimo Estou dacordo con Anónimo, resulta difícil de crer que os nosos bispos non estean ben informados. Para moitos rapaces EPC vai ser unha oportunidade de coñecer e atopar valores que descoñecen. As editoriais católicas están a facer un enorme esforzo e ofrecendo textos moi válidos e moi cristiáns para esta materia. Temos obrigación de ofrecerlle ao mundo as nosas crenzas desde unha óptica válida para todos crentes ou non. Os bispos están a ofrecer unha opinión que é realmente discutible, vai mediatizada polo lastre ideolóxico, non se abre coma paraugas onde nos poidamos gorecer todos os cristiáns, óptase por un camiño que mesmo abeira a Fere e a moitos profesores cistiáns e nega o encontro cos que non pensan coma nós

  1. escribió:

    Anónimo Esperamos, por tanto, que se paralice a implantación de esta asignatura tal como está programada, para respectar mellor os dereitos de todos os pais; e, no seu caso, que se faga posible a súa adaptación en contidos, obxectivos e criterios de evaluación ao ideario dos Centros.

    ISTO XA ESTÁ FEITO. HAI QUE PASAR POLA LIBRERÍA.