Filgueira Valverde: "Home de Fe e home de Igrexa"

Publicado por Unknown El 28 abril 2015 0 comentarios
Neste ano 2015, o mundo da cultura en Galicia mira cara Pontevedra, pois o homenaxeado no Día das Letras Galegas non é outro que o erudito local D. Xosé Fernando Filgueira Valverde, quen non só foi un dos promotores do Seminario de Estudos Galegos, alcalde desta cidade nos anos sesenta, director do seu instituto e do Museo Provincial, senón tamén un home de fe e espiritualidade, que adicou gran parte do seu tempo ao estudo da relixión católica en xeral, e da historia da comunidade parroquial de Santa María a Maior en particular. Así, este martes, 28 de abril, vai ter lugar a conferencia “Xosé Filgueira Valverde: Home de Fe e home de Igrexa”, que será impartida por D. Xosé Fuentes Alende, na Real Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra, as 20:30 horas.


Filgueira Valverde, que recibiu os seus principais sacramentos nesta freguesía de Santa María a Maior, onde foi bautizado o primeiro de novembro de 1906 e onde se celebraron os seus funerais, o 14 de setembro de 1996, sentiuse dende ben mozo coma un membro activo da Igrexa, coma laico comprometido, patrocinando a revista católica mensual “Logos” durante a Segunda República Española, promovendo a refundación de Confrarías Penitenciais coma o Corpo Santo, a Vera Cruz ou o Espíritu Santo, impulsando o Congreso Mariano de 1959, mediando na concesión do título de Basílica ao templo parroquial de Santa María a Maior e estudando a súa historia e arquitectura nunha das primeiras monografías sobre o tema, “La Basílica de Santa María de Pontevedra”.

Xosé Fuentes Alende
O escritor cuntiense Xosé Fuentes Alende, quen foi no seu día secretario técnico do Museo Provincial de Pontevedra, ten unha dilatada traxectoria na investigación histórica e a súa relación co eido do espiritual, con traballos coma “As cruces de pedra na obra de Castelao”, “Os exvotos de tema mariñeiro en Galicia”, “Testimonios de la cultura material en los exvotos pintados en Galicia”, “Promesas, ofertas e exvotos nas Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio”, “Cruceiros y petos de ánimas en la provincia de Pontevedra”, “Notas para o Ciclo de Nadal en Cuntis”, “Prácticas de religiosidad popular en la Galicia moderna” ou “La devoción a Jesús Nazareno en Galicia”.

0 comentarios por Filgueira Valverde: "Home de Fe e home de Igrexa"